Monday 06 de May de 2024

O Concello entregou credenciais á ASCM para realizar a ruta a Santo André de Teixido


Persoas con diversidade funcional da Asociación Cultural ASCM e chegadas doutros puntos do país iniciaron o pasado luns o Camiño a Santo André de Teixido, unha ruta de peregrinación milenaria que ten o seu inicio en Narón, nas inmediacións do mosteiro de San Martiño de Xuvia (O Couto) e percorre tamén os municipios de Cedeira e Valdoviño. A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, recibiu ao colectivo no punto de inicio, no citado cenobio, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) para desexarlles bo camiño.

A edil naronesa entregoulles tamén trípticos da ruta do Camiño Vello a Santo André ao seu paso de Narón, nos que se inclúen códigos QR con audioguías que se poden escoitar en tres idiomas –galego, castelán e inglés- e ademais recursos turísticos de interese ao seu paso por Narón. Natalia Hermida deulles tamén a credencial para selar ao longo dos tres concellos polos que discurre o Camiño a Santo André e coa que acreditarán que realizaron esta ruta de peregrinación. A maiores, a concelleira ofreceulles exemplares da guía “Narón para os teus ollos”, na que se resumen os recursos turísticos de Narón e se recolle información sobre festas populares e gastronómicas, eventos culturais, festivais, feiras…

“A Asociación Cultural ASCM acadou un reto moi importante, visibilizando con esta acción a importancia de que os recursos turísticos teñan sempre un enfoque de accesibilidade que paulatinamente entre as administracións e entidades se vai acadando. Somos conscientes de que queda traballo por facer neste eido e por iso continuamos avanzando nesta liña, promocionando neste caso unha ruta a un santuario de peregrinación en Galicia por excelencia, o de Santo André de Teixido, un lugar máxico”, destacou Hermida.